Os Premios Antonio Palacios son o recoñecemento da vila do Porriño á excelencia e dedicación de persoas e organizacións que, co seu traballo incansable, enriquecen a nosa sociedade.
Non hai mellor figura que a de Antonio Palacios para dar nome a uns premios cos que se quere recoñecer e celebrar as contribucións sobresaíntes nos campos da cultura, a empresa, o deporte e o compromiso social.
O Premio Antonio Palacios á Cultura honra a aquelas persoas e asociacións que, coa súa creatividade e paixón, manteñen vivas as nosas tradicións e fomentan a innovación artística. Desde escritores/as e músicos/as ata artistas visuais, do mundo da actuación en xeral e da educación, este premio é un recoñecemento a aquelas persoas e institucións cuxa obra transcende fronteiras e une comunidades.
No ámbito empresarial, o Premio Antonio Palacios destaca as empresas e persoas emprendedoras que non só acadaron o éxito comercial, senón que tamén demostraron un compromiso coa responsabilidade social e o desenvolvemento sustentable. Este galardón celebra a visión e o liderado necesarios para prosperar nun mercado global competitivo.
O deporte ten o poder de inspirar e unir as persoas. O Premio Antonio Palacios ao Deporte recoñece a atletas, equipos e organizacións deportivas que demostraron excelencia na súa disciplina e promoveron valores como o traballo en equipo, a perseveranza e o xogo limpo.
O Premio Antonio Palacios Social outórgase a individuos e organizacións que fixeron contribucións significativas ao benestar da comunidade. Xa sexa a través da filantropía, o voluntariado ou a defensa de causas xustas, as persoas laureadas son exemplos de como o compromiso cívico pode xerar cambios positivos.
Este galardón que concede o Concello do Porriño outórgase á persoa ou entidade para o recoñecemento a toda unha vida dedicada á contribución da mellora da sociedade e da nosa contorna.