Houbo quen aseguraba que cando Antonio Palacios visitaba O Porriño en plena construción do edificio do Concello (1919-1924), achegábase ata os canteiros que estaban a traballar na praza e sacaba un lápis do peto para debuxar sobre a propia pedra e guialos no proceso.
O arquitecto plasmou a súa paixón polas artes plásticas, sobre todo pola pintura, en moitos dos artigos que escribiu para a prensa da época. É coñecida a súa relación de amizade con pintores da talla de Antón Medal, Lloréns ou Álvarez de Sotomayor (xunto a estes dous últimos artistas organizou a primeira mostra de Arte Galego en Madrid, en 1912).
II Mostra de Arte Galega. Palacios con Llorens, Sotomayor e Castealo, entre outros.
Pero a proba máis emocionante do amor de Palacios polo debuxo son os seus propios cadernos de campo (dos que oito están dixitalizados) que o acompañaban en excursións e viaxes. Cadernos que son os mellores testemuños da destreza do arquitecto co lapis e nos que debuxou con grande destreza recantos da paisaxe galega e o seu patrimonio, apuntamentos e bosquexos das súas excursións e viaxes polo resto de España ou Centro Europa, por exemplo. Conteñen ducias de bosquexos e trazos que serven para entender a súa poderosa imaxinación e, sobre todo, o xeito apaixoado de ver a arte e, en definitiva, a vida.
En relación co Porriño, hai que destacar os debuxos que o propio Palacios fixo para ilustrar un dos seus textos en Faro de Vigo. En concreto “A cidade encantada do Monte Faro”, unha reportaxe dunha excursión que realizou en 1930 acompañado polo seu irmán José, entre outros, montados en “barrufeiriños” (non sabemos se burros ou cabalos mansos). Palacios sentíase fascinado polos volumes graníticos cos que se atopou nesa ruta dos penedos. Debuxou algunhas desas rochas nas que chegou a ver “unha tartaruga”, “dous avishomes que dialogan”, ou “un altar dos xigantes”.
A xenialidade do arquitecto porriñés era inabarcable.