“Que Antonio Luciano Juan Palacios y Ramilo naceu na parroquia do Porriño ás dez e media da noite do oito de xaneiro de mil oitocentos setenta e catro na rúa da Praza desta localidade.”
Este é o texto que figura na partida de nacemento de Antonio Palacios do 8 de xaneiro de 1874. A partir de aquí, o arquitecto medraría no seo dunha familia numerosa formada polos seus pais, o madrileño Isidro Palacios García e Teruel e a porriñesa Jesusa Ramilo Nieves, e seis irmáns: Jesús, Cármen, Amparo, Amelia, Joaquín e José.
A súa infancia transcorre no Porriño. A familia víase na obriga de desprazarse debido aos traballos que o pai efectuaba para a liña do ferrocarril como axudante de obras públicas. Aínda así, Palacios nunca perdeu o vínculo co seu lugar de nacemento.
Aínda que consolidou a súa vida en Madrid, nunca perdeu de vista O Porriño. Foi un lugar de referencia no emocional mais tamén no profesional. Algunhas das súas primeiras obras están deseñadas para aquí. Obras, que, por certo, nunca cobrou, o que proba o afecto do arquitecto á vila do Louro.
Sempre que se trasladaba a Galicia para gozar das súas vacacións de verán, instalábase, nun primeiro momento, no Porriño. Aproveitaba a estancia para dar longos paseos polos arredores ou mesmo para participar nos faladoiros da Botica Nova, o edificio que proxectou para o seu irmán, o boticario José Palacios, e na que se daban cita intelectuais das letras e as artes de Galicia. Pódese dicir que dende O Porriño foi onde comezou a achegarse ao galeguismo desde un punto de vista sentimental, unha corrente que influíu con contundencia na súa arquitectura.
Ademais, Palacios foi un dos meirandes impulsores do granito extraído das canteiras porriñesas. O arquitecto sentía auténtica fascinación por este material e por todo o proceso de traballo que leva consigo extraelo e sometelo á labra. Hai quen afirma que, durante as súas estadías no Porriño, o arquitecto achegábase ata as explotacións de granito para observar traballar ós canteiros ou mesmo para elixir en persoa a pedra para algunha das súas obras. Utilizouno para a súa obra galega pero tamén para a madrileña.
Antonio Palacios morreu na súa modesta casa do Plantío (Madrid) o 27 de outubro do ano 1945, aos 71 anos de idade. O 30 de outubro de 1976 os seus restos foron trasladados ao cemiterio municipal do Porriño onde repousan baixo unha pequena mole de granito que leva seu nome e a súa profesión labrados a pico por un canteiro.